miércoles, 27 de junio de 2012

Por que non o queren ver?

Non sei si será por ignorancia, por ideoloxía, por idiotez ou por non chorar, pero non entendo como hai tanta xente celebrando unha vitoria futbolística mentres o goberno sube a luz un 5%, saca 400 medicamentos da Seguridade Sociale nacionaliza o 100% de Bankia.
Estan a quitarnos os servizos que con tanto esforzo acadamos, como poden ser unha edudación e unha sanidade públicas. Supoño que pretenderán ternos como esclavos, traballando para poder comer e para nada máis, e que só a xente que teña diñeiro poda acceder á educación ou a sanidade (privadas, claro), mentres a inmensa maioría da poboación morre de fame.
Estamos nunha situación límite, onde a oposición do PSOE cala ante o que o PP fai e só a esquerda (IU, Esquerra, Amaiur e BNG) maniféstanse contra os recortes.
A solución a isto é a mobilización masiva dos cidadáns e das cidadás en contra das políticas neoliberais e destrutoras do estado do benestar. Políticas que só traerán pobreza a este país que hoxe celebra unha tontería e que non abre os ollos ante o que está pasando...

domingo, 20 de mayo de 2012

Fai teu o galego

Falar en galego en Galiza habería de ser tan doado como botarse a hablar en castellano en Segovia ou to speak english en Manchester. Porén, é sabido que as cousas non son tan sinxelas e que para falar o idioma de Galiza na propia terra hai unha serie de dificultades a maiores.

A pesar dos obstáculos, hai un método infalíbel que che permitirá ser capaz de falar un bo galego, con corrección, fluidez e comodidade. Velaquí a regra de ouro para o conseguires, mesmo moito antes do que imaxinas: “Fálao!”

A falar apréndese falando. É o máis sinxelo e, tamén, o máis complicado. Se non te soltas, de nada serve que tentes aprender no papel. Mesmo hai xente que ten cursos de galego e que nunca o utiliza. É como ter o carné de conducir e non sacar o carro do garaxe.

Xa sei que non é o mesmo dar este paso de vez segundo cales sexan as túas circunstancias. Será máis doado, claro, se no teu contorno escoitas bastante o galego que se non é así. No entanto, tampouco te confundas. Moitas veces non escoitas moito falar en galego porque ti non o usas. Dito en positivo: Desde que fales en galego, comezarás a escoitalo moito máis ao teu redor.

Selecciona o momento, próximo no tempo, en que te soltes a usalo. É como cando te vas lanzar á auga. Se te paras a meditar moito, o salto máis sinxeliño parecerache complicadísimo. Bótate!

Se non tes hábito de falar en galego, talvez ao principio te sintas como cando escoitas a túa voz gravada e parece que non fose a túa. Quizais te preguntes se vas perder matices, claridade ou fluidez. Ten pacienciña: é todo cuestión de hábito e, en moito menos tempo do que agora che parece, non lle verás ningunha incomodidade, senón ao contrario. Tampouco teñas medo aos erros. Coa práctica has cometer menos e ademais... Temos dereito a equivocarnos! Nunca esquezamos que eses nosos erros lle dan nova vida ao galego.

Sentires seguridade coa lingua dependerá da túa capacidade para creares oportunidades para a falares. Podes facer unha listaxe das persoas con quen supós que che será máis doado. O habitual é sentirmos menos vergoña para pasar a falar un novo idioma con persoas que non coñeciamos de antes. Ou talvez para ti non sexa un tema de persoas senón de ámbitos? Pénsao e toma a decisión de a ires introducindo desde xa alí onde o vexas máis fácil. Nesa liña, podes iniciar en galego as novas relacións. Aproveita os chamados espazos de transición: do instituto á universidade; un novo traballo; algunha viaxe...

Do que non cabe dúbida é de que falando en galego terás outra experiencia diferente de Galiza e do mundo. Porque un idioma non é só un vehículo de comunicación, senón tamén un xeito de entendermos, de nos relacionarmos co medio, de recibirmos tradición e historia, etc.

O futuro do galego está nas mans de quen aínda non o fala. O galego é de quen o quixer. Tamén pode ser teu, tivéselo ou non como primeiro idioma. Faino teu!

Artigos normalizadores. Concello de Carballo, A Coruña